As axudas do Bono Enerxía Peme poden solicitarse ata o 29 de xuño

Mellorar o equipamento de iluminación ou a climatización dos negocios galegos nun contexto marcado pola alza do prezo da enerxía. É o que poden conseguir as empresas e as persoas autónomas a través das axudas da terceira edición do Bono Activa Peme.

A convocatoria, que conta cun orzamento de máis de 4 millóns de euros, estará activa ata o vindeiro 29 de xuño. 

As persoas que soliciten estas axudas poden acceder a un anticipo de ata o 50% sen necesidade de presentar avais.

Que podo mellorar co Bono Enerxía Peme?

Os apoios deste programa incúen actuacións dirixidas a mellora da envolvente a través de elementos de control solar como toldos de cor branco ou negro; iluminación, coa renovación de equipamentos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led; a eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparellos por outros de cualificación enerxética B ou superior; climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.

Este ano súmanse, ademais, as axudas para asesoramento enerxético.

A axuda máxima é de 6.000 euros por solicitude. Cómpre indicar que a axuda do bono de asesoramento enerxético non computa para os efectos do devandito límite, virá limitada en función do consumo do centro de traballo.

Con este programa, do Instituto Enerxético de Galicia, preténdese axudar ás pequenas empresas e ás persoas autónomas a afrontar o custo da súa factura eléctrica, ao tempo que se incentiva a cultura da eficiencia enerxética entre o tecido empresarial, dotándoo de ferramentas e recursos para que poidan aforrar no consumo enerxético e reducir custos. Atopas máis información nesta ligazón.

En todo caso, se tes algunha outra dúbida sobre o teu negocio ou buscas asesoramento noutro aspecto, podes consultarnos a través do formulario do Igape Responde.  

Ofrecemos apoio ata en 7 ámbitos diferentes: emprendemento, investimentos, xeral, financeiro, negocio, operacións e persoas.

Categorías: Artigos.