Hoxe contamos como podemos evitar a ambigüedade co control visual, pois eliminamos as loitas cos procesos no día a día, eliminando as tarefas que non aportan valor como consecuencia.
Vexamos unha situación bastante común:
Vas coa túa parella a un hotel en réxime de aloxamento e almorzo, onde o almorzo buffet sérvese nunha sala pequena, polo que para que non se formen colas é vital que o persoal que da servizo na sala, coñeza dunha maneira inequívoca e inmediata cando remataches para retirar a bandexa e limpar a mesa.
Nalgúns hoteis atópaste dando voltas pola sala buscando un par de sitios baleiros onde poñerte. Observas bandexas baleiras nas mesas, mais non sabes se é que foron por máis comida ó buffet ou realmente eses sitios están baleiros. Cando o fin atopas sitio, un da parella resérvao mentres o outro vai polo almorzo e cando acaba e ven coa bandexa, vai o outro polo seu almorzo.
Noutros hai unha persoa que te acomoda no teu sitio cando queda unha mesa libre. Normalmente, o que ves é moita confusión, de novo bandexas baleiras nas mesas sen que o servizo saiba se é que a xente se levantou en busca de máis cousas ó buffet ou marchou.
Estes hoteis poden ser de dous tipos:
- Hainos que esperan un tempo prudente cas bandexas baleiras na mesa e se non vai ninguén, recollen as bandexas e limpan a mesa.
- Hainos que teñen tantísimo persoal que controlan se saídes do comedor e en que mesa estabades (camareiros por zonas ou persoa dedicada) para limpar ou recoller a mesa.
É o que ten a ineficiencia provocada pola ambigüedade en calquera proceso, tes que tapala con recursos innecesarios sempre.
Ou podes resolvelo buscando a causa raíz da ambigüedade que fai que se queres ser eficiente e dar un bo servizo teñas que poñer recursos extra.
Pola contra, cóntoche o que podes atopar en Kioto. Usan xestión visual absurdamente simple para eliminar a ambigüedade e xerar un servizo veloz cunha sala pequenísima sen necesidade de recursos de persoal innecesario.
Como o fan? Hai una persoa que te acomoda no teu lugar, leva na man unhas tarxetas (ten unha por cada sitio libre, así sabe se hai sitio libre na sala ou non). As mesas que aínda teñen sitio para unha persoa, en vez de na man pon as tarxetas na mesa de recepción da sala. Cando chegas, lévate ó teu sitio e dáche a tarxeta que por un lado é azul e pon “Ocupado” e polo outro lado é vermella e pon “Rematado”.
Así de simple, así de eficaz para eliminar toda a ambigüedade, a loita co proceso e miles de horas de desperdicios.
Pos a tarxeta mostrando o lado “Ocupado” azul no teu sitio e ides os dous polo almorzo, levantádesvos tódalas veces que queirades que ninguén vai recoller a bandexa salvo que teñas a tarxeta polo lado vermello que pon “Rematado” e que se ve dende a outra punta do comedor.
Non hai nin medio segundo de ambigüedade!!! Inmediatamente calquera das persoas que repoñen o buffet ou a persoa que acomoda recolle as bandexas e as tarxetas deixando os sitios dispoñibles para os seguintes.