A tecnoloxía, como me pode axudar a mellorar a miña empresa?

A tecnoloxía brinda unha cantidade importante de servizos que axudan as empresas a establecer relacións máis directas cos seus clientes e provedores, incrementar os seus ingresos, mellorar procesos realizados, ou crear novas estratexias para o seu desenvolvemento, entre outros.

Dende unha perspectiva tecnolóxica, estas dúas primeiras décadas do século XXI están supoñendo un avance incrible, supoñendo a disrupción dixital un proceso continuo de innovación e desenvolvemento.

Inicialmente foi a aparición e desenvolvemento de Internet, a conexión e a capacidade de compartir e acceder a diversas fontes e recursos; posteriormente desenvolveuse o Internet móbil, o acceso en tempo real e dende case calquera sitio a fontes de información e recursos; unha terceira fase comprendería a converxencia do físico e o dixital, sendo o internet das cousas (IoT) a súa máxima expresión; e por último nunha cuarta fase poderíase enmarcar a intelixencia artificial (AI) e a robótica, que permitirá un crecemento exponencial do coñecemento e da automatización nas empresas.

Por todo o anterior, a transformación dixital, en constante cambio, esixe que as pemes e autónomos galegos fagan un esforzo por redeseñar as súas estratexias, produtos/servizos, procesos… para poder adaptarse máis rapidamente ás novas tecnoloxías, gañando eficiencia e competitividade.

Deste xeito, a dixitalización pode crear valor en diversos ámbitos das empresas e negocios. Permite as empresas a exploración e acceso a novos mercados e canais dun xeito menos custoso comparativamente con outras fórmulas. Por exemplo, o acceso ao mercado europeo ou incluso internacional, o acceso a novos nichos de mercado… é posible grazas a ferramentas dixitais, como pode ser o e-commerce. Tamén facilita e impulsa a prestación de novos servizos aos clientes, mellorando a súa experiencia de compra e satisfacción e xerando un maior valor para a empresa. Por exemplo, un maior control sobre o seu proceso de compra, a personalización dos seus produtos ou servizos… O acceso a novos clientes tamén é outra das vantaxes da dixitalización, grazas por exemplo a realizar unha oferta personalizada a cada cliente, ao incremento da interacción con cada cliente, maior coñecemento dos hábitos e necesidades dos seus clientes… Incluso permite a implementación de novos modelos de negocio, como pode ser a prestación de servizos de forma telemática (formación, atención, venta…), a utilización de APPs…

Dende unha perspectiva interna das empresas o principal valor que aporta a dixitalización é o incremento da eficiencia nas súas operacións. Permite un incremento da axilidade das operacións, poñendo a disposición do persoal novas ferramentas colaborativas ou simplificando procesos. Tamén impulsa o incremento da eficiencia dos procesos, reducindo o consumo de recursos, facilitando unha mellor planificación ou permitindo destinar máis tempo a tarefas de maior rendibilidade. Tamén xera novos modelos de costes, sendo a tecnoloxía unha gran aliada para recortar gastos innecesarios e manter o orzamento baixo control. Permite unha mellor utilización dos activos, o uso de tecnoloxías móbiles ou na nube, o internet das cousas (IoT) ou a intelixencia artificial permiten integrar a xestión de activos no universo dixital da empresa, facilitando a obtención de información útil, e en tempo real, que pode ser explotada polos sistemas empresariais de análise de datos e Big Data.

Todos somos conscientes de que estas oportunidades da dixitalización veñen acompañadas de retos (falta de integración das novas tecnoloxías e as xa existentes; rixidez e lentitude dos procesos dentro das empresas; capacidades necesarias nos seus equipos…), pero as novas tecnoloxías dixitais constitúen na actualidade un potente motor de transformación social e económica, sendo a maior fonte de competitividade, e impactando en todos os ámbitos (administracións públicas, empresas e cidadáns).

Poderíamos dicir que a tecnoloxía actualmente é unha ferramenta indispensable para calquera empresa que queira seguir innovando e ir crecendo neste novo mundo dixital. Pero isto non quere dicir que soamente con estar actualizados en canto as novas ferramentas dixitais e ter a mellor tecnoloxía, fará que a nosa empresa creza de golpe. Todo debe estar planeado dende un principio para poder saber cales son os puntos fortes da nosa empresa e cales son os puntos que se queren combater ou mellorar en base o uso destas ferramentas dixitais, para que pouco a pouco a empresa empece a ver resultados satisfactorios internamente, e externamente poda ser una empresa competitiva, de calidade con recoñecemento no mercado.

Por todo o anterior, unido á nova situación económica e social que nos toca vivir, o futuro para as empresas que saiban reaccionar e adaptarse preséntase dixitalmente apaixonante.

 

 

Categorías: Artigos.