A revolución da Intelixencia Artificial: da atención aos clientes ata a interpretación de imaxes

A intelixencia artificial (en adiante IA) está en boca de todos, pero como funciona? Ata onde pode chegar? Cales son as súas limitacións?

É a revolución máis importante da tecnoloxía desde a invención da informática.  Non existe unha definición aceptada polos expertos do que significa a IA, sobre todo, porque é unha ciencia nova, cambiante e experimental.

Na súa forma máis simple, a IA é o intento de imitar a intelixencia humana usando un robot ou un software. Podemos diferenciar catro tipos de IA: Sistemas que pensan como humanos, aqueles mecanismos que actúan como humanos, sistemas que usan a lóxica racional e aqueles que actúan racionalmente.

A IA moderna nace en 1936 da man de Alan Turing, o experto matemático que descifrou os códigos secretos dos nazis da mítica máquina Enigma, que, segundo os expertos, axudou a acurtar a duración da II Guerra Mundial ao facilitar a derrota nazi.

Pero, por que ata a actualidade non chega o verdadeiro auxe da IA? porque a tecnoloxía non estaba madura. Agora temos computadores con gran capacidade que permiten experimentar coa IA a un nivel global.

 

En que se diferencia un software de IA dun programa de computador?

Un programa informático é unha lista de ordes que lle din ao computador que facer. Estas ordes teñen bifurcacións e pode realizar accións ao azar, usando números aleatorios. Pero a característica principal dun programa é que ese conxunto de ordes cubre as posibles opcións ás que se enfronta o computador.

A gran revolución da IA é que non recibe ordes para obter un resultado. É ela que, cuns datos de entrada, obtén os resultados. En primeiro lugar, debe aprender a realizar unha tarefa. Se vai usarse para identificar fotos de gatos debe procesar milleiros de fotos de gatos, para aprender a distinguilos. A continuación, empeza o adestramento, poñendo en práctica esa teoría: recibe fotos de diferentes animais, e debe separar os gatos.

Ao principio fallará, e haberá que dicirlle as fotos que acerta e as que falla. Así a IA irá descubrindo porque falla, e irá mellorando os seus acertos. Canto máis adestre, mellor o fará. Finalmente, a IA será capaz de traballar ela soa, sen recibir ordes. Simplemente entregándolle os datos de entrada (fotos) xerará un resultado (fotos de gatos) sen que exista unha lista de ordes (programa) que lle diga os pasos que ten que realizar.

En función de como adestres á IA poderás realizar o tipo de tarefas que desexes, desde xestionar un servizo de atención ao cliente a chatear nunha rede social, ofrecer axuda, conducir un coche autónomo, recoñecer rostros, interpretar fotos…

Queres implantalo no teu negocio?

A través do asesoramento gratuíto do Igape Responde, podes recibir asesoramento gratuíto para a túa empresa neste aspecto. Só tes que cubrir o noso formulario. 

 

 

Categorías: Artigos.