A responsabilidade social empresarial (RSE) é unha oportunidade para que as empresas, de calquera tamaño, mediante a promoción e o impulso dos valores da RSE, sexan organizacións máis competitivas, produtivas, responsables e xeradoras de emprego de calidade.
Que é a responsabilidade social empresarial (RSE)?
Xa no 2001 a Comisión Europea no seu Libro Verde para Fomentar un marco europeo para a RSE das empresas recolle que a maioría das definicións da responsabilidade social das empresas entenden este concepto como a integración voluntaria, por parte das empresas, das preocupacións sociais e ambientais nas súas operacións comerciais e as súas relacións cos seus interlocutores.
Deste xeito, o termo responsabilidade social empresarial (RSE) fai referencia ao bo goberno da empresa, a unha xestión ética e sustentable e, máis amplamente, ao conxunto de compromisos de carácter voluntario que unha empresa adquire para xestionar os seus impactos no ámbito laboral, social, ambiental e económico, facendo isto compatible co obxectivo financeiro de obtención do máximo beneficio.
A implementación de criterios responsables na estratexia das empresas conleva beneficios, entre outros: unha maior aceptación no mercado (beneficia ás ventas, a imaxe e a reputación da empresa), unha maior disposición do persoal para apoiar a empresa (maior lealdade e compromiso), coñecer os seus puntos cegos, diminución do consumo de enerxía eléctrica, unha utilización máis eficiente dos recursos,…
O camiño para implantar a RSE
Cando falamos de RSE debemos falar tamén de transversalidade e non de accións inconexas, polo que é importante deseñar un sistema de xestión. Isto require a identificación daqueles aspectos clave nos que a empresa se debe centrar para evitar ou solucionar os potenciais conflitos cos diversos grupos de interese e para lograr de xeito simultáneo a consecución de obxectivos económicos, ambientais e sociais.
De cara a controlar o progreso no cumprimento destes obxectivos, será preciso establecer un sistema de indicadores, podéndose para iso seguir o modelo proposto pola Global Reporting Initiative, que establece unhas pautas xerais para medir e comunicar a RSE. A Xunta pon ao dispor das empresas a ferramenta Xunta PRO-RSE para facilitar a implantación da RSE e elaborar as súas memorias de sustentabilidade.
Ademais, a Xunta tamén puxo en marcha o programa Responsabilízate, que ten por obxectivo asesorar as pequenas e medianas empresas galegas en materia de RSE, así como acompañalas na realización dun plan de acción en RSE e na posta en marcha das primeiras accións.
Tamén convoca anualmente axudas para apoiar a obtención de certificacións en RSE e para favorecer a conciliación, o teletraballo e a igualdade nas empresas.
Para pechar este artigo…
A RSE non debe ser entendida nin como un comportamento altruísta por parte da empresa nin como un instrumento publicitario para mellorar a súa imaxe, senón como unha forma de xestión da empresa que implica a súa colaboración coa sociedade, incorporando as preocupacións desta como parte da súa estratexia de negocio e asumindo o compromiso de dar conta das súas actuacións coa adecuada transparencia.
A Xunta dispón de axudas e apoios para axudar a pemes e persoas autónomas a integrar na estratexia das súas organizacións os conceptos de responsabilidade social empresarial (RSE), na medida do seu interese e posibilidade.
Se tes máis dúbidas, podes preguntarnos a través do formulario do Igape Responde.