A importancia de responder en situacións insólitas

Axudar ás pemes e autónomos a reinventarse e posicionarse nun escenario no que a pandemia o cambiou todo foi o gran reto de Igape Responde. Quen ao longo destes meses colaboramos con esta iniciativa quédanos a satisfacción de participar nun programa que contribuíu a que as empresas gañasen visibilidade e adquiran ferramentas útiles para loitar con solvencia contra a crise económica.

Igape Responde naceu para que expertos en distintas materias puidésemos axudar de forma directa, sen intermediarios, a empresarios e autónomos en aspectos tan esenciais para o seu día a día como a implantación do teletraballo, prestacións de servizos, promoción en liña, procura de financiamento e reconfiguración da oferta comercial. Hoxe é o momento de facer balance.

Xa ninguén dubida que as épocas de crises son períodos de grandes cambios onde a innovación gaña terreo a pasos axigantados. A pequena empresa, o negocio de toda a vida, debe renovarse. Nas nosas consultas diarias procuramos achegar solucións prácticas porque reinventarse á velocidade que marca o mercado pode resultar moi difícil sen o apoio externo dun profesional.

A elaboración de plans de acción específicos, a procura dos valores diferenciais de cada negocio, a mellora do liderado ou a posibilidade de incrementar a produtividade do equipo buscando algo tan simple -e ás veces tan difícil- como a complicidade do propio equipo foron algúns dos obxectivos do Ámbito Persoas onde tratamos de analizar, estudar e identificar fortalezas e debilidades.

Todas as medidas estiveron orientadas desde o primeiro momento a potenciar competencias para este complexo e novo escenario cun propósito final: mellorar as capacidades do equipo e a organización das empresas. Ademais de aspectos como a retención de equipos e a motivación, moitas das consultas centráronse en cuestións como o teletraballo, os ERTE, a baixada de vendas ou o peche temporal dos negocios.

 

Que conseguiron os negocios coa axuda de Igape Responde?

 Traballar o autocoñecemento, as fortalezas e debilidades do equipo e establecer un plan de acción para superar xuntos esta situación conseguIndo mellorar a motivación, cohesión e compromiso do equipo. Neste tipo de empresas, as enquisas de clima foron unha ferramenta moi útil para escoitar e detectar a saúde laboral dos traballadores e anticiparse e axudalos.

Pero tamén temos o caso contrario, experiencias de empresas con actividades ou liñas de negocio que medraron durante a crise e que necesitaban ordenar os seus recursos para seguir crecendo dunha forma sólida. Neste caso redefiníronse os  novos organigramas e os seus perfís de postos adaptados ás novas necesidades da empresa.

Non podemos esquecer o apoio do programa para dar respostas rápidas a consultas dos usuarios. Nun momento de tanta incerteza e cambios normativos diarios a necesidade de resposta inmediata a dúbidas laboráis e de seguridade e saúde dadas por expertos foi fundamental para moitos deles.

 

E que opinan as empresas usuarias do programa?

“Animáronnos a seguir loitando e a manter a ilusión”, “Agradezo ao programa o inestimable servizo que prestades”,Axudáronme a mellorar a miña forma de comunicarme a través da pantalla cando nos tivemos que adaptar ás reunións en liña…” son algunhas das numerosas mensaxes de agradecemento ao Igape recibidas estes meses.

 

 

Categorías: Artigos.