A estandarización nas empresas, por que é a base da flexibilidade?

Un día érgueste da cama, colles o teu coche e apareces fóra de Galicia, se cadra incluso en Portugal ou en Francia. Cruzas a fronteira e podes seguir conducindo sen problema.

Recibes unha chamada, contestas e falas sen interrupcións no teu proceso de botar un conto coa persoa que está do outro lado da liña en Galicia. Paras nunha estación de servizo, sen ningún tipo de problema enches o tanque de diésel e pagas igualmente sen ningún problema coa túa tarxeta de crédito, o cos euros que levas no bolsillo.

Chegas ó hotel e probablemente non fales francés, ou alemán se o teu espírito aventureiro te levou aínda máis o norte, pero non tes problema porque case todo o mundo ten nocións dun idioma que ven facendo ás veces de estándar de comunicación mundial, o inglés, polo que unha vez máis sen esforzo, sen loitas con ningún proceso, sen perdas de ningún tipo consegues todos os servizos que precisas aínda estando lonxe, moi lonxe da túa casa.

Por que tes esta flexibilidade que che permite desenvolver a túa vida normalmente en contextos totalmente novos para ti? A resposta é a estandarización.

Tes a flexibilidade de conducir normalmente en Portugal, Francia, etc. como na túa casa porque o estándar é o mesmo, incluso poderías ir en avión e coller un coche de aluguer no teu destino, doutra marca que non é a que ti tes na casa, e o pedal de acelerador e freo seguirían na mesma posición e seguirías a conducir sen problema porque os estándares básicos que che permiten conducir son os mesmos sexa cal sexa a marca que conduzas. O teu móbil segue funcionando porque os estándares neses países son os mesmos que en Galicia, e o mesmo pasa coas túas tarxetas de crédito, os combustibles, a moeda estándar ou o “idioma estándar”.

“Para ter flexibilidade a un determinado nivel, o nivel inferior ten que estar estandarizado”

Polo tanto os estándares son a base da flexibilidade e son a base da mellora continua. Moitas veces escoitarás que os estándares matan a creatividade ou que volven os sistemas máis ríxidos cando o que ocorre é xustamente o contrario. O que pasa nestes casos é que se entende mal o que é un estándar e acaban convertendo o estándar nunha lei rodeada de burocracia, mais iso non é un estándar, é unha lei.

Un mal de bastantes empresas á hora de estandarizar e crear procedementos nas oficinas, entregalos ós seus traballadores para que os cumpran (e se non os seguen exactamente como están escritos ten consecuencias, por suposto) e chámanlle a iso estándar. Unha orde escrita acompañada dun mecanismo de coerción e un monte de burocracia é unha lei, non un estándar, non os confundas.

“Un estandar é a forma que temos de comunicar a mellor maneira que coñecemos hoxe de realizar un proceso”

Un estándar é dinámico ata o punto que as empresas que entenden ben o que é un estándar e para que sirve, seguen a evolución dos estándares principais nas súas reunións diarias porque si os estándares dos procesos críticos para a empresa non cambiaron nada no último mes, quere dicir que levamos un mes sen aprender nada novo que faga que os nosos procesos principais sexan mellores nalgún aspecto (calidade, seguridade, simplicidades, rendemento, etc.).

No desenvolvemento e evolución dos estándares participan de forma determinante as persoas que están a pé de proceso 8 horas ó día e esixe traballo continuo de impulso da mellora continua por parte dos mandos intermedios mediante, de novo, estándares de mellora colaborativa guiados por método científico PDCA.

Se necesitas asesoramento, sen custe, para o teu negocio neste aspecto, só tes que solicitalo a través do formulario do Igape Responde.

 

Categorías: Artigos.